28/11/2008

Crónica dunha noticia inusual


Un concello dará chancletas ás mulleres bébedas

No suroeste de Inglaterra un concello quere reducir as lesionadas bébedas con tacóns altos durante as festas do Nadal, por isto a policía levará bolsas con chancletas para poñelas a disposición deste tipo de viandantes ou vitaconantes que vexa zigzagueando.
Qué penica.

Máis aquí...

26/11/2008

Compostela: Bonaval e arredores

O parque de Bonaval, no barrio de San Pedro, é un fermoso lugar no que saír a pasear en Santiago. Limpo e coidado, estes días deixábanse ver nel as pegadas do outono. Gustoume o sistema descoberto da canalización da auga, se ben, nalgunhas partes hai tuberías de metal un pouco fóra de lugar.

A parte baixa do parque pertenceu durante moitos anos aos monxes do convento de Bonaval, onde cultivaban os seus productos. A parte alta pertence aos terreos do antigo cemiterio da cidade, que se atopaba fóra das murallas.

O arquitecto Álvaro Siza e a paisaxista Isabel Aguirre, souberon contrastar a vida da natureza, o céspede, as fermosas árbores, coa morte que asoma na visión dos nichos (aínda que estean baleiros).

Coma sempre, pasámolo coma nenos.


24/11/2008

¿ Isto é o que se entende por solidaridade?



Cúpula da Sala XX da ONU, rebautizada coma "Sala de los Derechos Humanos y de la Alianza de Civilizaciones". Debería chamarse cada semana de maneira diferente, co nome dun español non ilustre, co nome de calquera de nós, elixido ao chou.

2 anos de traballo
20 millóns de euros

Declaracións de Zapatero: "la sala y su cúpula son un regalo de España a toda la comunidad internacional, a todos los seres humanos, a todos los países. La impresionante cúpula de Barceló es un reflejo de la España del siglo XXI, un país solidario, comprometido con la ayuda al desarrollo y contra la intolerancia, la discriminación y la pobreza".

España, ese gran país solidario. Con estas actuacións e declaracións estáselle tomando o pelo a toda esa xente que se está quedando sen traballo pola "crise" (perdón o crecemento invertido, disque agora pódese medrar cara abaixo); aos que teñen familiares dependentes e non lles chega axuda algunha; a todos os que están dende hai meses, e anos, nas listas de espera dos hospitais; aos pensionistas que cobran 413 euros ao mes, etc... ¿ Onde está a solidaridade para eles?

Isto é o que se chama ir limpar a casa do veciño tendo a nosa sen varrer

¿ A qué xogamos?

18/11/2008

SGAE: Arquitectura moderna de beleza discutible

Fin de semana compostelano.

Unha das visitas foi ao parque de Vista Alegre. Tamén coñecido como Xardíns de Europa, Finca Vista Alegre ou Finca Simeón ( por ser este último o nome da familia á que pertencía antigamente a finca).

Ademáis de albergar no seu interior a Escola de Altos Estudios Musicais e a Casa de Europa, non hai moito inaugurouse nel a sede da SGAE (Sociedad General de Autores y Editores).

Abaixo amoso fotos do polémico edificio. Tra-las pedras existe un vestíbulo aberto que da paso á entrada principal. A parede do mesmo está feita con caixas de cds.

A idea de reciclaxe non está mal, se ben a visión de tanto plástico xunto da un pouco de arrepío.

Precisamente íamos camiño do parque cando nos atopamos na Alameda cunha manifestación en contra da SGAE, na que clamaban:
“Non son autores, que son estafadores”

Tamén aproveitamos o soleado día para xogar un pouco.


13/11/2008

Embalse da Fervenza

O Embalse da Fervenza é a maior superficie de auga doce da Costa da Morte. Afecta aos concellos de Vimianzo, Zas e Mazaricos. Foi construído nos anos sesenta, deixando anegadas varias aldeas.

Na primeira quincena de agosto, faise unha gran festa nel que dura varios días, con actuacións das orquestas máis importantes de Galicia ata que xa é de día, e polo día unha feira de mostras de productos do campo.

A sequía do ano pasado levouno a mínimos insospeitados de volume de auga, provocando a morte de moitas das especies que viven neste fermoso paraxe. Este era os aspecto que presentaba:

foto La Voz de Galicia, 2007

Estivemos esta pasada fin de semana alí, para ser testigos da súa recuperación, e sacamos estas fotiños:




10/11/2008

Onde van os cartos?

Onde van os cartos das subvencións? Andamos a xogar con eles?


Hai 6 anos que se construiu esta "Aula da Natureza" en Porriño, financiada con 300.000 euros da Unión Europea e 120.000 euros do Concello porriñés.

Nunca se chegou a inaugurar.

¿ Ninguén da contas disto? ¿ Non hai culpables?

Isto coñeceuse, ¿ cantas cousas deste tipo, cantos cartos descoñecidos hai no lixo?

máis aquí

08/11/2008

Desexos


Vou pola rúa dirección ao traballo, con paso áxil, sen parar. Crúzome cunha señora duns 70 anos que se me queda mirando coma se me coñecese. Eu non a recoñezo a ela, non lembro ter visto esa cara antes.

Mentras paso polo seu lado, párase e dime: "Que Dios te bendiga y te de la paz"

Ante semellante desexo non puiden contestar outra cousa que: "Igualmente señora, e gracias."

06/11/2008

Hydnum repandum: Lingua de vaca

Tamén chamadas gamuza, pe de cordeiro, lingua de gato, seta de serrín (en Burgos), etc...

Foto Mer, A Baña, Outubro 2008


Collemos todas estas e había moitas máis. E eran grandes, puxen o móbil ao lado para comparar o tamaño. Son moi sabrosas, carnosas e compactas. Fixémolas con allo e xamón, mmm... unha delicia.

É curioso, cando atopas unha seguro que hai máis, medran facendo un carreiriño, coma miolos de pan tirados no monte formando un camiño que nos leve a algures, tal e como fixera Hansel no conto.
----------

Moito ollo!!

¿ Sabedes que hai quen utiliza os cogumelos venenosos coma setas alucinóxenas? Disque en pequenas cantidades prodúcenche ese tipo de efectos (depende de cal, claro).

A maioría dos cogumelos venenosos empezan por atrofiar o fígado, aínda que se consuma unha cantidade cativa. Hai algúns que non producen síntomas ata pasados 17 días, co que xa non hai lavado de estómago que vala.

Ademáis hai setas que non son venenosas pero en grandes cantidades ou consumidas moi seguido poden producir algún tipo de intoxicación.

05/11/2008

Crónicas do bus VI: Soidade na 3ª idade

Foto Mer, Vigo, Maio 2008

Eu de volta para casa ás 21.30 h. con moitas ganiñas de chegar, cear e charlar coa familia antes de ir durmir.

Dúas señoras maiores sentadas unha enfrente da outra:

- Bueno -encóllese de ombros- imos xa para casa.

- Sí

- Non nos espera ninguén

- Por desgracia non


------------------------

Se xa a xente nova, normalmente con mellor mobilidade que os maiores, atopámonos moitas veces sós, imaxinade a esta xentiña erguéndose sós cada día, sen un traballo ao que acudir que lles faga pasar as horas, sen familia ou con ela lonxe, coa tristeza da soltería ou da viuvez. O peor é o inverno, co frío non poden saír tanto á rúa a pasear, faise noite axiña e pasan os seráns na casa acompañados únicamente dos achaques da idade, que se unen á soidade da noite.