31/10/2008

Non encontro meu país


Gustaríame ver este tipo de publicidade nas marquesinas do meu país.

Aquí o marketing utilízase para vender, para consumir, para gañar eleccións,...

Ninguén en España poñería nunca "Tú que puedes, sal a caminar en contra de ETA", xunto a foto de Irene Villa u outra persoa sen pernas debido a algún atentado da banda terrorista.

Por suposto sí hai grupos que contratan anuncios a media páxina na prensa escrita para desprestixiar un idioma, pero non hai quen publicite en contra do terror.

É moi triste.

30/10/2008

Selva Vs Horta



Tíñamos unha selva, agora temos unha hortiña xeitosa.

Hai que ver o ben que se sente un admirando o que tanto traballo e suor lle costou, unha vez rematado o choio.

A semana pasada tiven vacacións e un dos días paseino modificando a selva da casa da aldea de miña nai en horta da casa da aldea de miña nai. Cortando a ¿herba?. Ben, había de todo ademáis de herba, unhas prantas de hortensias que xa eran árbores, non sei qué tipo de arbustos salvaxes e mesmo escombro e lixo que o porcallón do anterior "inquilino" free deixou por alí. Nunca máis inquilinos, e menos free, queda plena para o goce da familia.

Agora a coidalo. Dentro dun mes haberá que darlle outra pasadiña, aínda que a idea de ter unha selva propia atraíame. Unha excentricidade máis.

28/10/2008

Similitudes

Gústame ler clásicos e irme atopando con similitudes na vida actual.

Xa falei da frase: Hombre de bien a carta cabal (frase aparecida nunha canción de Loquillo e anteriormente verbas de Xulio Verne en "De la Tierra a la Luna")

Hoxe: "Buenas noches, y buena suerte" ¿pero qué clase de título é este?

Las amistades peligrosas, derradeiro párrafo da carta XX (da Marquesa de Merteuil ao Vizconde de Valmont):
"Adiós, vizconde; buenas noches, y buen acierto..."

As traduccións en épocas distintas por xente diferente cambiaron "acierto" por "suerte" pero o significado vén sendo o mesmo. Ata a coma no mesmo lugar, colocada de xeito non demasiado correcto.

Pois a todos "Boas noites, e boa ventura "

22/10/2008

Clathrus ruber

Foto Mer, A Baña, outubro 2008


É unha seta moi curiosa.

Ao primeiro é coma un ovo ou unha bola branca, de ata 5 cm. de diámetro, na que se ven debuxados pentágonos e hexágonos. Cando madura empeza a romper por onde está o debuxo e aparece un enrexado de cor vermello.

Cheira fatal. Tan mal e tan intenso que a descubrimos por iso, estabamos camiñando e empezamos a uliscar coma peixe podre, ao momento vímola. Ademáis é un fedor deses que se che mete no nariz e as túas neuronas non son quen de olvidalo durante horas.

Estívome cheirando todo o día e conste que eu nin a toquei.

É unha especie tropical procedente de Oceanía, disque chegou a Europa xunto aos soldados australianos na Primeira Guerra Mundial.

Vive en zonas ruderais, coma bordes dos camiños, xardíns e céspedes, na Europa templada e mediterránea.

16/10/2008

Se eu fose rico... tararírarírarírarírarírarírará...


Paideleo inventou e convidoume a facer un novo meme: O meme do millonario excéntrico

¿ Qué 5 excentricidades faría eu se fose millonaria? Non sei se excentricidades, vou por algunha cousiña que me gustaría facer, sen máis.

Antes de nada habería que deixar claro se a condición de millonaria é repentina, xa de adulta, cunha educación de pobre-normal, ou se esta condición vén dende o berce, acostumada xa a vivir con moitos cartos e un tipo de educación seguramente moi diferente á que tiven, aínda que non por iso mellor (véase Paris Hilton)

Vouno facer dende o suposto que isto sucedera de forma repentina, xa de adulta, por que é a perspectiva na que me podo poñer no caso.

1. O meu afán de visitar lugares diferentes e coñecer diversas culturas dende dentro, levaríame a vivir durante meses en diferentes países coma se fose de alí. Uns meses na India, uns meses en Francia, uns meses en Islandia, en Exipto,...

2. Montaría unha canle de TV para os vellos, con programas tipo Doa-doa ou Alalá, que a mín encántanme e aos vellos tamén. Se hai máis xente vella que nenos ¿ por que hai tantos canles para nenos e tan poucos por non dicir ningún cunha programacion interesante para a xente da 3ª idade? Intentaría convencer á miña tía Filomena para que participase e me aconsellaxe sobre a variedade da programación, que ela seguro que o faría moi ben.

3. Gustaríame rehabilitar unha aldea, ou máis dunha. Xestionala para usala coma un refuxio para mulleres maltratadas, nenos ou algunha outra causa social, na que habería talleres nos que se lles daría, ademáis de apoio psicolóxico, clases de diferentes actividades coas que poder buscar un traballo para saír adiante por sí soas. E tentar facelo ben de verdade.

4. Pagaría por viaxar ao espacio, encantaríame ver a Terra dende fóra dela, quixera ata pisar a Lúa, plaxiar a Amstrong e deixar unha bandeira de Galiza alí espetadiña.

5. Mercaría un barco que levase á xente gratis ás Illas Cíes, que pásanse un montón co prezo, a unha familia de 4 persoas que quera ir e voltar no día, por dar unha voltiña sáelle arredor dos 70 eurazos, máis o xantar e tal...

Agora vou compartir con vós a miña sabiduría: Así é como se recoñece a un millonario

13/10/2008

Vigo city / Sin city

Que Vigo é unha cidade caótica tódolos que vivimos nela sabémolo.

Tén moitas cousas boas pero fáltanlle eses detalles cativos e importantes.

É unha cidade porca-porca, descoidada, non fai falta ir a barrios indesexables para atoparnos lixo pola rúa, mobiliario urbán roto que pode estar así meses e meses sen que o arranxen, perigosos buracos nas beirarrúas (perigosos sobre todo para os nenos e os cegos ¿ ninguén pensa nunca neles cando deixa un moble tirado detrás dun contenedor taponando o paso dos peatóns?). Xente moi porca á que ninguén multa nin denuncia.


Teño coñecemento desta porcallada dende hai unha semana, está en Urzáiz, sí, en Urzáiz, algo tan céntrico coma se estivese en Santiago de Compostela na rúa Rosalía de Castro ou na Coruña na Ronda de Outeiro.

Ando coa cámara sempre enriba, sacándolle fotos a todo e enviándoas ao Faro de Vigo, ao 20minutos á La Voz de Galicia... fotodenuncias que enviamos moitos veciños desta cidade. Desagradable sorpresa para quen non coñece a deixadez destes lugares tan transitados.


Isto leva semanas así. Travesía de Vigo esquina Canadelo Alto.




Na Doblada, foto de Francisco Gómez

máis AQUÍ

¿ De verdade os concelleiros e máis a xente que traballa para eles non andan pola rúa? ¿ Limítanse a ir no coche, aparcar enfrente do restaurante de luxo de turno e mercar en centros comerciais sen ver ou sen querer ver a realidade da cidade?

Solucionemos os problemas internos da cidade antes de andar a loitar por cousas moito máis efímeras e superficiais.

Esta cidade fai que teña vergoña de vivir nela.

06/10/2008

Burlas laborais


Rabeo por contar unha cousa.

A ver de qué coño vai a xente.

Unha persoa achegada á miña familia, empezou a traballar de recepcionista nunha perruquería (imaxinar a perruquería que era para ter recepcionista, bueno, era ESTA)

700 euros ao mes, pagas extras incluídas.

Chegou o primeiro día a casa un pouco desilusionada, a xefa algo estricta e ríxida de máis, non parou de berrarlle todo o día que se puxera ben dereita, coa cabeza moi levantada e sen apoiar as mans en ningún momento no mostrador, os brazos sempre ao longo do corpo (coma militar facendo garda na entrada da Moncloa)

O segundo día de traballo explicáronlle que segundo a "política interna da empresa" tiña a obrigación de tinxirxe e poñerse mechas no cabelo cada 15 días, cun gasto mensual na perruquería de arredor dos 100 euros. Cágate lorito!

Isto é, ademáis de burro, apaleado. Ademáis de non pagarche nada ben, tés a obriga de gastar os teus cartiños na empresa para a que traballas, e xa non falemos da OBRIGACIÓN de cambiar o teu aspecto físico (o que considero máis grave do asunto).

Parece mentira, pero estas cousas aínda existen hoxe en día no mundo laboral, e moito máis do que nos parece.

Speed test

Divertido, proba a túa velocidade mecanográfica en varios idiomas aquí

Os meus resultados foron

En galego
45 palavras

Speed test



En castelán
56 palabras

Speedtest

07/10/2008 Voltei a facelo, pola mañanciña, que onte non tomara nota dos caracteres o resultado foi


61 palabras

Speedtest

462 caracteres
61 palabras correctas
1 palabra incorrecta

04/10/2008

Recibos bancarios


O mes pasado cargáronme na miña conta 57 € como pago dunha factura de Vodafone.

Non son clienta de Vodafone.

Deime conta ao consultar o extracto por internet.

Chamei ao banco e dixéronme que tiña que ir alí e firmar non sei que papeliño para enviar o recibo de volta.

Pero vamos a ver: É a miña conta e eu non autoricei a Vodafone a cargarme nada, ademais o recibo ven a nome dunha persoa que non son eu. Cando domiciliei o recibo do ximnasio, tiven que asinar un papeliño onde autorizaba a domiciliación ¿ por qué con isto non?

Antonte, consultándo o extracto, atopei un recibo de New Technology Insurance, que non sei qué carallo é, polo importe de 36 euros, a nome da mesma persoa que o bendito recibo de Vodafone.

¿ Pero qué pasa? ¿ Pódenme cargar cousas ao chou sen a miña autorización e logo son eu a que teño que andar ás voltas para devolvelas?

02/10/2008

Publicidade e outras historias


No meu outro blogue estiven poñendo estes días uns post sobre publicidade. Algunhas campañas directas e moi agresivas.

Pois a que leva a palma, e nunca mellor dito, é o folleto Guadalquivir Turísico que a Junta de Andalucía acaba de publicar promocionando Andalucía. Ademáis de imaxes de monumentos e paisaxes andaluces, a fotografía principal a toda páxina é a da Catedral de Palma de Mallorca.

Por suposto o erro provocou un importante enfrentamento entre os distintos partidos políticos. A Consellería responsable do entorto indica que a empresa de publicidade encargada de confeccionar o folleto equivocouse ao usar unha fotografía mal catalogada.

Pero digo eu, a algún responsable da Consellería lle tiveron que enviar o boceto do folleto para a súa aprobación ¿ou aquí as cousas van por libre?